
A Policía Local da Guarda informa das restricións de circulación con motivo da IX Baixada das Carrilanas
A Policía Local da Guarda informa de que, con motivo da celebración da IX Baixada das Carrilanas, incluída na programación da Festa das Mercedes 2026, estableceranse restricións de circulación e cortes de tráfico para garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento da proba.
Así, a partir das 17:00 horas do sábado 29 de agosto, procederase ao corte das vías afectadas polo percorrido da proba, que dará comezo ás 18:00 horas e se desenvolverá dende a praza de Avelino Vicente ata a rúa Porto.
Con motivo destas restricións, a circulación será desviada por vías alternativas, que estarán debidamente sinalizadas. Ademais, os axentes da Policía Local e de Protección Civil estarán situados nos distintos puntos de corte para informar ás persoas usuarias da vía e indicar os itinerarios alternativos.
Durante o desenvolvemento da proba, procederase tamén ao cambio de sentido de circulación nas rúas Julián López, Enrique María Sesto e Tomiño, co obxectivo de facilitar a circulación polas vías alternativas habilitadas.
Unha vez finalizado o evento, procederase á apertura das vías afectadas de forma progresiva, conforme vaian retirándose os elementos de seguridade e sempre que as condicións o permitan.
O Concello da Guarda solicita á veciñanza e ás persoas condutoras a súa colaboración, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e seguir en todo momento as indicacións da Policía Local e de Protección Civil. Así mesmo, agradece a comprensión ante as molestias ocasionadas por estas restricións, necesarias para garantir a seguridade e o correcto desenvolvemento da IX Baixada das Carrilanas.


