
A Praza do Reló da Guarda acolle mañá o espectáculo teatral para toda a familia “Ñiqui Ñaque”
O Concello da Guarda continúa esta semana coa programación do “Miúdo Verán”, unha iniciativa cultural pensada para que veciñanza guardesa e visitantes poidan gozar de actividades en familia durante os meses de verán.
A segunda cita terá lugar o xoves 9 de xullo, ás 20:30 horas, na Praza do Reló, coa representación de “Ñiqui Ñaque”, unha coprodución do Centro Dramático Galego e Espectáculos Valente, que chega á Guarda dentro da súa xira de verán.
A obra conta a historia de Cosme e Damián, dous cómicos ambulantes que, cando están a piques de poñer fin á súa compañía, reciben un inesperado encargo: representar unha singular versión de Romeo e Xulieta. A partir desta premisa, e mentres avanzan nun motocarro avariado, o espectáculo combina humor, clown, máscaras e acrobacias para ofrecer unha divertida e emotiva homenaxe ao teatro e aos oficios das artes escénicas.
A proposta parte do texto homónimo de Cándido Pazó e preséntase nesta versión para teatro de rúa con dirección e dramaturxia de Roberto Vázquez, interpretada por Ángel Blanco e Dani Lago.
Con esta nova actividade, Miúdo Verán continúa ofrecendo unha programación cultural gratuíta e de calidade, deseñada para favorecer o lecer compartido e achegar as artes escénicas aos espazos públicos da vila.
O Concello da Guarda convida a todas as familias a achegarse á Praza do Reló para desfrutar dunha tarde de teatro, humor e emoción da man dunha das propostas máis destacadas da tempada de teatro de rúa galego.


