A Sociedade Atlética do Trega asina un convenio co Concello da Guarda e a Comunidade de Montes de Camposancos
O Concello da Guarda, a Comunidade de Montes de Camposancos e a Sociedade Atlética do Trega (Tomiño) asinan un convenio por un ano para o uso do Antigo Estadio de Chans.
Deste xeito, A Guarda une vínculos co club no que adestran moitos atletas guardeses e guardesas e fortalece a súa aposta polo deporte. Mentres se executan as obras de remodelación do Estadio da Mata (O Rosal), o alcalde da Guarda, Roberto Carrero, ofreceulles esta solución inmediata para non deter a súa preparación.
O club de Atletismo pensou así en asegurar os adestramentos neste momento circunstancial, mais unha vez rematada a obra, tamén retomarán os adestramentos na Mata.
O circuíto atópase no perímetro exterior do campo de fútbol, sendo de terra nun espazo aberto e con vistas ao río Miño. Un lugar perfecto para a preparación da tempada de cross. Ademais, usarán as zonas de duchas e vestiarios, onde disporán de auga e electricidade. Tamén realizarán traballo específico de forza os días chuviosos e de condicións climatolóxicas adversas.
Desta maneira, o club ten convenios cos tres concellos: A Guarda, O Rosal e Tomiño, que aportan instalacións intentando facer progresar a todos os atletas, que xa son máis de 120 licenzas no Baixo Miño.
A parte do convenio actual, tamén se falou da posibilidade de realizar nun futuro unha proba de cross.