A andaina pola Ruta Máxica de Oia aprázase para o sábado 17 de marzo por mor do mal tempo
Debido ás malas previsións meteorolóxicas o Concello da Guarda e o Municipio de Caminha acordaron aprazar a andaina programada para o sábado 10 de marzo e reprogramala para o vindeiro sábado, 17 de marzo. A andaina estará guiada pola Asociación Costa de Castros e percorrerá uns 18km da Serra da Groba pasando polas parroquias costeiras deste concello.
O percorrido sinalizado comezará no miradoiro da Pedreira onde se atopan petróglifos e continuará coñecendo outros gravados rupestres ata chegar ao río Broi e ao espazo natural das Sobreiras do Faro, o bosque mediterráneo máis occidental. Despois ascenderase ata o Castro do Cano do Mouros e as Pozas de Mougas onde se realizará o xantar. Nesta última parte do percorrido descenderase ata o Castro de Cabeziña. A ruta rematará na estrada PO552, onde se atopa o Camping O Muíño.