Aprobadas as bases para a participación no Desfile – Concurso do Martes de Entroido
O Concello da Guarda, a través da Concellería de Cultura, organiza o Desfile-Concurso de Entroido 2018, co obxectivo de manter a tradición local a través da participación de tódolos veciños, veciñas e asociacións da localidade.
Así, preséntanse as bases nas que se contemplan ata cinco categorías diferentes de participación (Carrozas, Comparsas, Grupos, Individual-Parellas adulto e infantil) na modalidade de concurso, cunha ampla variedade de premios, e unha modalidade de axudas para as Carrozas e Comparsas.
As persoas interesadas en participar poderán ampliar a información nas bases dispoñibles neste enlace. O prazo de inscrición comezará o vindeiro 30 de xaneiro e permanecerá aberto ata o 6 de febreiro. Os interesados deberán entregar o formulario de inscrición anexo ás bases e a documentación recollida na base 4ª no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica.
O desfile realizarase o vindeiro 13 de febreiro, Martes de Entroido, no percorrido habitual entre a Esquina Famosa (esquina da rúa San Bernardo) e a Alameda da Guarda. O veredicto do xurado darase a coñecer tralo desfile, na correspondente entrega de premios.A participación no desfile queda aberta a todos aqueles que, aínda que non queiran competir no concurso, desexen sumarse á celebración do Entroido.