As obras de Concepción Arenal arrancan este luns na Guarda
O vindeiro luns día 10 de setembro iniciaranse na Guarda as obras da Rúa Concepción Arenal no tramo comprendido entre a Rúa Galicia(Altamar) e a Rúa Pacífico Rodríguez. Por este motivo dende o Concello da Guarda realizáronse diversas reunións e encontros cos colectivos empresariais e veciñais para informar de como se vai realizar esta obra tan necesaria para o noso pobo que consistirá na humanización integral desta céntrica rúa.
Dende o Concello da Guarda agárdase que as molestias e incomodidades deste tipo de intervencións sexan as mínimas posibles, estando en contacto permanente coa empresa adxudicataria destas obras e informando aos veciños de que se teñen algunha dúbida contacten no 986 61 0000. Dende o Concello da Guarda remitirase nos vindeiros días unha carta informativa a máis de 800 veciños da contorna desta rúa.
Durante o transcurso desta primeira fase a baixada ao Porto da Guarda realizarase pola Rúa Pacífico Rodríguez e a subida pola Rúa Enrique María Sexto e agardase que se conclúa antes de fin de ano.
A seguinte tramo de obras será o comprendido entre as rúas Pacífico Rodríguez e o Porto da Guarda, neste caso, para poder acceder ao porto, habilitarase a circulación de vehículos lixeiros pola vía de servizo do paseo marítimo, accedéndose a esta dende a zona da Atalaia e tamén habilitarase a dobre circulación con semáforos de obra pola saída sur do porto, na zona da depuradora.
En calquera caso a circulación libre de vehículos non se abrirá definitivamente ata o remate da obra. Durante as obras poderán circular residentes, usuarios de garaxes e servizos polas zonas habilitadas pola empresa cando sexa posible.
Durante toda a obra estarán sinalizados os desvíos de tráfico rodado e habilitaranse zonas para a circulación peonil. A circulación de persoas estará habilitada para tódolos locais e vivendas durante toda a obra.
Durante toda a duración da obra habilitarase o dobre sentido de circulación na rúa Ourense e na totalidade da rúa Coruña para enlazar a rúa Manuel Álvarez coa entrada ou saída da Guarda.
A parada dos autobuses de ATSA estará situada no comezo da rúa Rosalía de Castro na zona da Alameda e parada de taxis estará situada na rúa Domínguez Fontela, igual que na actualidade.
Para compensar os estacionamentos de Concepción Arenal e Avelino Vicente habilitouse a ampliación de estacionamentos en Manuel Álvarez, unha nova zona de estacionamento na rúa Coruña e adecentáronse os estacionamentos da finca de Fínola e a Eléctrica.
Tag:A Guarda, concepción arenal, Mobilidade, Obras