As praias da Guarda están preparadas para recibir aos visitantes
A época estival está a piques de comezar e as praias da Guarda xa están en perfectas condicións e teñen todos os servizos dispoñibles para recibir a aqueles que desexen aproximarse ás praias da vila.
A época estival está a piques de comezar e as praias da Guarda xa están en perfectas condicións e teñen todos os servizos dispoñibles para recibir a aqueles que desexen aproximarse ás praias da vila.
A meteoroloxía parece que comeza a acompañar e invitar ó baño tras a inestable primavera dos pasados meses. Por isto o Concello da Guarda desexa comunicar que xa están listas todas as praias para poder acudir e bañarse, practicar deporte á beira do mar ou simplemente relaxarse ó sol.
Ademais hai que destacar que dúas das praias da localidade, as de Area Grande e O Muíño, recibiron recentemente nun acto celebrado en Oleiros sendas bandeiras azuis. Con estas a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) promove e premia aqueles areais que destacan en catro áreas: calidade das augas de baño, Información e educación ambiental, xestión ambiental e seguridade, servizos e instalacións.
A próxima semana os areais de O Muíño e Area Grande lucirán a Bandeira Azul e xa contarán, ademais de cos servizos anteriormente citados, co servizo de socorrismo.
Dende o Concello da Guarda convídase a todos os cidadáns e turistas a achegarse ós areais locais e desfrutar da privilexiada situación xeográfica e paisaxe da Guarda.