O Concello da Guarda presentará o novo Plan de Accesibilidade o vindeiro martes
O próximo martes 5 de decembro ás 11:30h na casa dos Alonsos presentarase o “Plan de mellora da Accesibilidade na vila da Guarda”. O proxecto foi redactado a través de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) contando co financiamento da Deputación de Pontevedra, cunha achega de 18.150 euros con cargo ao do Plan Concellos 2017.
O documento recolle a situación actual da accesibilidade nas principais rúas do casco urbano, organizando e racionalizando tódalas posibles actuacións, integradas por áreas de intervencións e prioridade segundo o alcance e viabilidade da súa execución. Contempla, ademais, a valoración da accesibilidade nas praias de Fedorento, Area Grande e O Muíño. O principal obxectivo do plan é servir de folla de ruta para mellorar a accesibilidade universal na Guarda.