
Continúan as saídas de navegación co Volanteiro Piueiro un verán máis
No ano 2019 a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro da Guarda presentou o Volanteiro Piueiro tras meses de traballo no estaleiro do Pasaxe para construír esta gran embarcación que navegou a vela pola nosa costa ata comezos do s.XX.
O Concello da Guarda colabora un ano máis coa Asociación Piueiro e durante os meses de verán vanse ofrecer saídas gratuítas de navegación pola costa co Volanteiro Piueiro para aqueles que queiran descubrir esta embarcación a vela, que incluirá ademais navegación polo exterior do porto.
Ademais do patrocinio das saídas, o Concello da Guarda xestionará as reservas das saídas a través da Oficina de Turismo (Praza do Reló) que conta cun horario de apertura de martes a sábado de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 18:30 horas.
O prazo de inscrición abrirase o sábado anterior ás saídas da semana seguinte e só se poderá realizar presencialmente na Oficina de Turismo.
Debido ao número reducido de prazas dispoñibles unha persoa poderá inscribir a un total de catro, excepto as unidades familiares. A idade mínima para participar é de 10 anos. Recordase que é preciso estar 15 minutos antes da saída no peirao do porto (escaleiras do muelle alto) e a saída terá unha duración aproximada de 45 minutos.
A novidade deste verán de 2026 é que a Asociación ofrece a posibilidade de vivir a experiencia como parte da tripulación para aqueles que teña interese en participar nas tarefas sinxelas dun barco a vela.
A continuación, trasládanse os 8 días e horarios previstos por semanas, xa que as reservas realizaranse na semana previa das saídas:
• Mércores 15 de xullo: 12:00 – 17:00 – 18:00
• Martes 21 de xullo: 12:00 – 17:00 – 18:00
• Sábado 25 e domingo 26 de xullo: 12:00 – 17:00 – 18:00
• Xoves 6 de agosto: – 11:30 – 12:30 17:00 – 18:00
• Mércores 12 e sábado 15 de agosto: 11:30 – 12:30 – 17:00 – 18:00
• Sábado 29 de agosto: 12:00 – 17:00
Estas saídas de navegación comezaron a pasada fin de semana coincidindo coa XXXIV Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira e continuarán esta fin de semana con motivo da Rosegha, xuntanza mariñeira organizada pola propia Asociación Piueiro.
Durante este verán esta asociación compaxinará as saídas de navegación coa participación noutros eventos difundido a nosa cultura mariñeira.


