“De Pontevedra a Río 2016” e “Catro médicos polo Baixo Miño”: novas mostras no Centro Cultural
O Centro Cultural da Guarda é o lugar escollido para albergar dúas novas exposicións que se inauguran nestes días na nosa vila: “De Pontevedra a Río 2016”, organizada pola Deputación de Pontevedra, e a mostra de pintura ó óleo “Catro médicos polo Baixo Miño”.
Despois de expoñerse en varias localidades da provincia, a mostra fotográfica “De Pontevedra a Río 2016” chega ao Centro Cultural, onde se inaugurará mañá, mércores 30 de agosto, ás 20:30 horas. No acto estarán presentes o Concelleiro de Deportes, Javier Crespo González, a Deputada de Deportes, Consuelo Besada, e a Deputada provincial de Emprego, Montserrat Magallanes.
A exposición, ideada pola Deputación de Pontevedra como homenaxe aos deportistas olímpicos e paralímpicos dos Xogos de Río 2016, permanecerá aberta ó público ata o vindeiro 9 de setembro, no horario de verán do Centro Cultural (de luns a venres de 9 a 14 h e os sábados de 10 a 13 h).
Por outra parte, a mostra “Catro médicos polo Baixo Miño” inaugúrase o venres 1 de setembro ás 20:30 h e contará coa presenza da Concelleira de Cultura, Elena Baz. Trátase dunha oportunidade única para coñecer a obra de catro médicos apaixonados pola pintura ó óleo: Tino Cuesta, Pablo Galego, Xesús Vázquez e Leopoldo García. Poderá admirarse ata o 24 de setembro, no seguinte horario: do 1 ó 15 de setembro de 9 a 14 h (luns a venres) e de 10 a 13 h (sábados), e do 16 ó 24 de setembro de 10 a 13 h e de 17 a 20 h (luns a venres) e de 10 a 13 h os sábados.