Éxito de participación nas visitas teatralizadas polo casco histórico da Guarda
O Calendario de visitas teatralizadas polo casco histórico da Guarda finalizou este xoves congregando a máis de medio centenar de persoas por cada unha das 7 visitas realizadas polo casco histórico da Guarda entre os meses de xullo e agosto.
Esta actividade na que se mistura o contido histórico, a amenización musical e o bo facer dos Quinquilláns, participaron tanto locais coma visitantes desta tempada estival, integrándose e participando activamente na actividade, dun xeito moi divertido e ameno.
Baixo o concepto “De alén mar para A Guarda” e enmarcado nas conmemoracións do 100º aniversario da creación da xunta organizadora para a construción do Hospital Casa-Asilo da Guarda, as visitas teatralizadas deste verán tomaron coma fonte o libro “Hospital Casa-Asilo de A Guarda(1918-2018), Centenario de una institución benéfica nacida en Puerto Rico”, obra do historiador local Joaquin Miguel Villa Álvarez.
Esta actividade amosou á cidadanía a nosa historia e patrimonio dun xeito ameno e diferente, conxugando a técnica teatral coa divulgación do noso pasado, involucrando aos participantes e facéndoos partícipes deste espectáculo. As visitas, realizadas pola compañía Os Quinquilláns, percorreron o centro histórico, dende a Praza do Reló, e seguindo pola rúa Colón, rúa Baixo Muro, rúa José María Lomba Peña, rúa Malteses, para finalizar no Porto da Guarda, congregando en total a máis de 500 participantes.
Os actores protagonistas, Lucho Penabade e Tero Rodríguez, deron vida a dous personaxes influentes da Guarda de 1918. Nese momento, coincidindo coa toma de decisión da construción do Hospital Casa-Asilo da Guarda, actual edificio que alberga hoxe en día as instalacións do Centro Cultural na Rúa Rosalía de Castro do municipio.
A través deste fío condutor, a compañía fixo unha intensa labor de contar como foi o proceso da creación desta xunta organizadora en Puerto Rico. Pero por se isto fora pouco, o espectáculo agochou sorpresas musicais, que variaron cada xoves, participando os grupos Tremelique, Vento Mareiro, Do Lusco ó Fusco, Coiro Vello, Coro Fuscalheiro, Dani Vilanova e Na Revolta, así como recital de poemas a cargo de Julia Sobrino e Maruxo.
Esta actividade estivo subvencionada pola Deputación de Pontevedra, a través do Plan Concellos.