Juan Morandeira Vázquez forma a comerciantes guardeses
O Concello da Guarda continúa neste mes de xaneiro as actividades do programa formativo “Comercio Innova Plus”, dirixido especialmente a comerciantes e empresarios da vila, unha actividade para a que non é preciso inscrición previa e que se realiza de balde.
O luns día 4 de xaneiro celebrouse a segunda charla deste ciclo sobre «Novas tendencias en deseño de espazos comerciais», na que se contou coa presenza de Juan Morandeira Vázquez, CEO de Space-Indesign Interiorismo, responsable de Imaxe de Marca de Caramelo durante 8 anos e experto en deseño de interiores e de espazos comerciais cunha ampla traxectoria neste campo.
Os asistentes puideron coñecer de preto as principais novidades e tendencias no deseño de interiores e escaparatismo, unha charla moi participativa na que Juan Morandeira explicou moitas das novidades do sector e cómo trasladalas ás empresas guardesas.
Grazas á súa ampla experiencia asesorou aos comerciantes e empresarios guardeses no deseño e organización dos espazos de venda dos seus negocios. Os asistentes preguntaron as súas dúbidas sobre como organizar e dispor os seus produtos para chamar máis a atención dos seus clientes e aumentar deste xeito as probabilidades de venda e o seu éxito comercial e empresarial.
O luns 21 de xaneiro terá lugar vindeira charla sobre «Innovación no cara a cara co cliente», unha charla que realizarase na Casa dos Alonsos da Guarda en horario de 15:00h a 16:45h. Neste caso a ponente será Fátima Rodríguez Marcos, Licenciada en Psicoloxía, formadora e desde fai 4 anos ao fronte de Talentea, unha consultora adicada, entre outros, ao deseño e execución de proxectos sobre dinamización comercial.
Para rematar a programación de «Comercio Innova Plus» o luns 28 de xaneiro terá lugar na Casa dos Alonsos unha charla sobre «Compartindo Talento: Xuntos chégase máis lonxe» a cargo de Mariem Filgueira Pérez, Licenciada en Dirección e Administración de Empresas e con máis de 15 anos de experiencia en asesoramento empresarial. Directora de Proxectos de Consultoría e Innovación en Sherpa Empresarial.
Estas accións formativas teñen como obxectivo que o comercio da vila coñeza as novas ferramentas tecnolóxicas que teñen á súa disposición, para que as empreguen nos seus propios establecementos comerciais e lle saquen o maior rendemento, ademais de continuar promovendo a innovación dentro da rede comercial do Concello con actividades sobre comunicación e canles de venda, deseño de espazos comerciais, a atención ao cliente ou a creación de alianzas entre empresas. Todas as actividades son de balde e non é necesaria a realización dunha inscrición previa.
Esta actividade constitúe a continuación do programa «Comercio innova», que rematou en xuño do ano pasado e no que se traballou cos establecementos comerciais da vila para optimizar a súa xestión e facelos máis competitivos.
No mes de novembro realizáronse varios obradoiros na Aula CeMit no Centro Cultural da Guarda sobre «Utilización Práctica de Instagram», e «Utilización Práctica de Facebook», rematando con 4 charlas a modo de píldoras formativas, nas que se conta con varios ponentes especializados no comercio, marketing e empresas.
“Comercio Innova Plus” conta co financiamento da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos.