Máis dun milleiro de nenas e nenos participaron na Guarda na recepción dos Reis Magos
O Concello da Guarda rematou este pasado xoves a programación de actividades do nadal coa visita dos Reis Magos á vila.
Sobre as 16:30h da tarde, as Súas Maxestades de Oriente saíron en caravana dende a Praza do Reló en vehículos clásicos, para visitar as diferentes parroquias e os barrios da vila, coma O Castro, A Gándara, O Coruto, Saa, Camposancos, etc. Foron moitos os veciños que saíron das súas casas para recibir aos Reis Magos e saudalos ao seu paso.
Ao remate deste percorrido, as súas maxestades de Oriente fixeron a chegada ata a Alameda da Guarda, onde arrancaba ás 18:00h a Cabalgata de Reis, acompañada polo Grupo de Gaitas do Clube da Terceira Idade, Studio88, Do Lusco ó Fusco, Xamaraina e Grupo Dansá.
Milleiros de persoas acompañaron ás súas maxestades de Oriente ao longo do percorrido entre a Alameda da Guarda e a Casa dos Alonso, onde se repartiron milleiros de lambiscadas para nenos e nenas.
Ao chegar á Praza do Reló realizouse a tradicional recepción ás nenas e nenos na Casa dos Alonso, unha multitudinaria recepción na que participaron preto dun milleiro de nenos e nenas e que se estendeu ata case as 21:00h.
Tag:A Guarda, Cabalgata, Reis Magos