O Alcalde da Guarda recibe ao Guardés, Jochi Vicente, Ministro de Facenda da República Dominicana
Na xornada do xoves día 30 de decembro o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, recibiu no Concello da Guarda a Jochi Vicente, Ministro de Facenda da República Dominicana.
Este encontro, no que ámbolos dous conversaron sobre diversos temas de maneira distendida, enmárcase na visita familiar que Jochi Vicente realiza estes días en terras galegas, xa que é de descendencia guardesa.
Jochi Vicente é un destacado economista, graduado Summa Cum Laude na Pontificia Universidad Católica Madre y Maestra (PUCMM), especialista na industria de consultoría financieira e de xestión.
Vicente posúe fortes habilidades profesionais en negociación, planificación de negocios, negocios internacionais, desenrrolo corporativo e fusións e adquisicións.
Ten ocupado as posicións de director do “Consejo Nacional de la Empresa Privada (CONEP)”, presidente da “Cámara de Comercio y Producción de Santo Domingo” e da “Asociación Nacional de Jóvenes Empresarios (ANJE)” na República Dominicana, sendo Ministro de Facenda dende agosto do ano 2020.
Antonio Lomba agradeceu a súa visita e aproveitou esta oportunidade para recordar os lazos que unen á vila da Guarda coa República Dominicana, grazas a súa historia e ao irmanamento existente, entregando tamén nesta ocasión algúns agasallos vencellados á nosa vila ao Ministro. En palabras do alcalde: “é un orgullo para nós saber que os fillos da nosa vila, aínda tendo cargos de moita responsabilidade, como no caso de Jochi, non esquecen as súas raíces e aproveitan as ocasións que teñen para visitarnos”.