O Concello da Guarda denuncia vandalismo e roubos do mobiliario urbano
O Concello da Guarda quere denunciar publicamente o vandalismo con roubos e danos ao mobiliario urbano que se sofre desde hai semanas.
As rúas máis afectadas son a rúa Tui e a rúa Brasilino Álvarez, onde se levou a cabo un roubo de dúas xardineiras, con valor de 750€ cada unha delas. Ademais, leváronse e destrozaron plantas ornamentais. Outras accións vandálicos sufridas son a queima e danos nos contedores.
Estas accións van contra todos os guardeses e guardesas, xa que só conseguen ensuciar e aumentar o gasto na reparación ou substitución do mobiliario e ornamentación, mentres todos e todas desexamos unha vila limpa e bonita.
Por todo isto, o Concello iniciou as investigacións oportunas e pedimos a colaboración cidadá tanto para coñecer aos autores dos danos, como para manter limpo e coidado a nosa vila.