O concello da Guarda dotará ao Centro Cultural de iluminación ornamental
Dentro das actuacións de carácter estético de realce do noso patrimonio, como por exemplo o pintado do espigón ou a rotonda de San Roque, o concello da Guarda adxudicou esta semana as obras de iluminación ornamental do Centro Cultural da vila, unha construción indiana que ben merece luminarias que destaquen a súa arquitectura nas horas nocturnas, actuando na fachada principal e fachada oeste, así como nas escaleiras de acceso e a zona axardinada da parte posterior.
Para o proxecto de iluminación ornamental do Centro Cultural da Guarda empregarase iluminación de tipo LED, con temperaturas de cor entre 3000k e 4000k, cumprindo cun aforro enerxético optimizado e destacando áreas específicas deste emblemático edificio co obxectivo de atraer a mirada cara a zonas, detalles ou particularidades arquitectónicas interiores ou exteriores, engadir profundidade ou texturas e matizar o aspecto xeral deste edificio.
Esta iluminación contará cun sistema de programación horaria automatizado para poder controlar o acendido e apagado da mesma.
O financiamento desta actuación faise a través do plan concellos 2019 da Deputación de Pontevedra.