
O delegado territorial da Xunta visita en A Guarda o Obradoiro de emprego Manuel B. Portela XI
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá o Obradoiro de Emprego Manuel B. Portela XI, acompañado polo alcalde da Guarda, Roberto Carrero, e polo concelleiro Isidro Lomba, para inaugurar oficialmente a acción formativa e coñecer de primeira man este programa de formación e emprego promovido polo Concello da Guarda.
O obradoiro conta cun investimento da Xunta de Galicia de 454.552 euros, correspondente á subvención concedida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración dentro da convocatoria de obradoiros duais de emprego.
Durante a visita, os representantes institucionais percorreron as instalacións e mantiveron un encontro co equipo docente e co alumnado-traballador, coñecendo o funcionamento dun programa que combina formación teórica e práctica laboral co obxectivo de mellorar a empregabilidade das persoas participantes.
O Obradoiro de Emprego Manuel B. Portela XI ten unha duración de nove meses, ao longo dos cales 20 persoas desempregadas reciben un total de 1.440 horas de formación nas especialidades de “Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización” e “Operacións auxiliares de albanelaría de fábricas e cubertas”. O equipo está integrado por unha directora, unha titora, dous docentes, unha administrativa e os vinte alumnos-traballadores.
Na súa intervención, o delegado territorial, Pablo Fernández, destacou o compromiso da Xunta de Galicia coa formación dual, subliñando que este modelo permite ás persoas desempregadas compaxinar a aprendizaxe teórica cun traballo real de utilidade pública, adquirindo experiencia profesional e mellorando as súas oportunidades de inserción laboral.
Pola súa banda, o alcalde da Guarda, Roberto Carrero, salientou a importancia de seguir impulsando este tipo de iniciativas que, ademais de ofrecer formación cualificada e experiencia profesional, repercuten directamente na mellora de espazos e instalacións municipais, xerando un beneficio para toda a veciñanza.
Ao longo do período formativo, o alumnado aplicará os coñecementos adquiridos mediante a execución de diferentes actuacións de interese xeral, entre as que destacan a reforma do edificio do propio obradoiro e o acondicionamento exterior da Escola de San Lourenzo, ademais doutras intervencións de mellora na Guarda.
As persoas que superen con éxito a formación obterán os correspondentes certificados de profesionalidade, unha acreditación oficial que lles permitirá incrementar as súas posibilidades de acceso ao mercado laboral nun sector con demanda de profesionais cualificados.


