Oitavo faladoiro dentro do ciclo “Diálogos en Educación”
O oitavo e derradeiro faladoiro pertencente ao ciclo “Diálogos en Educación” que se celebra este verán 2016 terá lugar o vindeiro xoves 1 de setembro ás 20 horas na Casa dos Alonsos.
O oitavo e derradeiro faladoiro pertencente ao ciclo “Diálogos en Educación” que se celebra este verán 2016 terá lugar o vindeiro xoves 1 de setembro ás 20 horas na Casa dos Alonsos. Esta actividade, promovida polo Concello da Guarda coa colaboración da Universidade da Coruña convida, nesta ocasión, á profesora Cathryn Teasley Severino.
Cathryn Teasley Severino é natural de San Francisco, California, pero está afincada na Coruña, desde o ano 1991. É Profesora de Didáctica e Organización Escolar na facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.
A súa liña de investigación céntrase no fomento da xustiza intercultural e de xénero mediante a Pedagoxía Crítica, a investigación etnográfica, a formación do profesorado e a Educación para a Paz, aspectos que se reflicten tanto na súa docencia como nos seus traballos e investigacións.
Cathryn Teasley ten colaborado en diversos volumes, como Volver a pensar la educación (Morata, 1995), Roma Education in Europe (Routledge, 2013), ou Globalizing Cultural Studies: Ethnographic Interventions in Theory, Method, and Policy/Estudios culturales sobre globalización: Intervenciones etnográficas teoría, método y política (Peter Lang, 2007). Así mesmo, coordinou o volume colectivo Transnational Perspectives on Culture, Policy and Education: Redirecting Cultural Studies in Neoliberal Times/Perspectivas transnacionales de cultura, política y educación: redirigir estudios culturales en la época Neoliberal (Peter Lang, 2008), que conta con colaboradores/as procedentes de diversos países.
A profesora Cathryn Teasley Severino é membro do grupo de Educadores pola Paz do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega, e animará o faladoiro “Reflexións interculturais sobre a diversidade de xénero en Educación Infantil”.