Presentación da terceira edición de “Tapearte” na Guarda
Este xoves 26 de maio ás 12h. tivo lugar a presentación na Casa dos Alonsos da terceira edición da Ruta Gastronómica “Tapearte” que organiza o Concello da Guarda con motivo da realización, esta fin de semana, das alfombras florais tradicionais pola Festividade do Santísimo.
Este xoves 26 de maio ás 12h. tivo lugar a presentación na Casa dos Alonsos da terceira edición da Ruta Gastronómica “Tapearte” que organiza o Concello da Guarda con motivo da realización, esta fin de semana, das alfombras florais tradicionais pola Festividade do Santísimo.
Á presentación acudiron representantes dos restaurantes e bares da vila adheridos a esta iniciativa, o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, a Concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes Álvarez e Marcos Álvarez Cuña, xerente da empresa de Distribuciones Disramo, para apoiar esta iniciativa que busca promocionar a gastronomía da Guarda nunha fin de semana moi importante para a vila, na que se veñen realizando as alfombras dende hai máis de 30 anos.
Como expresou Montserrat Magallanes, as tapas son un bo exemplo da gastronomía local e con elas e a colaboración dos hosteleiros confíase en que esta sexa unha edición de gran participación. Pola súa parte o Alcalde da Guarda salientou o alto número de establecementos participantes e espera que “sexa unha tentación para a xente que busca unha pequena desculpa para vir á Guarda”.
Neste acto tamén se destacou que en “Tapearte A Guarda 2016” amplíase a duración con respecto a outros anos polo que os consumidores poderán desfrutar de tapas a 2€ durante 5 fines de semana. Dende o 27 de maio e ata o 26 de xuño poderán degustar as tapas tódolos venres, sábados e domingos nun horario que vai das 12 a 13 horas e pola tarde das 19 a 21 horas.
Ademais neste terceiro ano de “Tapearte” poténciase o concepto de ruta coa creación dun pasaporte cos establecementos e as tapas adheridos. Neste poderán selarse as tapas consumidas e aqueles que cheguen a 12 de entre as 20 que hai, participarán no sorteo de agasallos como reloxos, minialtavoces ou baterías portátiles. Aqueles que completen a ruta degustando as 20 tapas terán premio directo.
Na mesa onde se expuxeron as tapas observouse a gran variedade e calidade das tapas propostas que se poderán degustar ó longo destas datas e que inclúen carnes, peixes e tapas frías e quentes. Ademais esta calidade está asegurada e será recompensada polos propios consumidores que poderán puntualas dentro do Concurso da Mellor Tapa de Tapearte 2016. Os participantes serán os que valoren as tapas puntuando as mesmas no propio pasaporte do 1 ao 3, sendo 3 a maior puntuación. Deste xeito se premiará ao establecemento coa mellor puntuación, e tamén ó que ofreza o maior número de tapas.
Dende o Concello da Guarda convídase a todos os guardeses, guardesas e visitantes de fóra a que acudan a esta cita que marca o comezo da época estival co mellor da gastronomía da vila a un módico prezo.