Talento Xove 2025 chega á Guarda para mellorar a empregabilidade da mocidade
O Programa Talento Xove 2025 arranca no concello da Guarda co obxectivo de mellorar as oportunidades laborais da mocidade que actualmente non está ocupada nin integrada en sistemas de educación ou formación.
A iniciativa, promovida pola Fundación Impulsarse xunto coa Cámara de Comercio e coa colaboración do Concello da Guarda, aposta pola orientación vocacional, a formación especializada e o achegamento ao mundo laboral como ferramentas clave para impulsar o futuro profesional dos participantes.
Talento Xove 2025 articúlase en itinerarios personalizados que combinan orientación individual, formación en competencias clave e accións de contacto directo co mercado laboral. O obxectivo é facilitar a inserción laboral da mocidade en sectores emerxentes e con alta demanda, especialmente no ámbito da dixitalización, o comercio, o turismo e a industria creativa, garantindo así igualdade de oportunidades e impacto real no territorio.
O programa ofrece formación totalmente gratuíta e orientación laboral personalizada, dirixida á mocidade de 16 a 30 anos, desempregados/as e persoas inscritas na Garantía Xuvenil. As accións formativas xirarán arredor da comunicación dixital e networking (60h presenciais) e community manager (90h presenciais).
As persoas interesadas poden obter máis información e inscribirse a través de informacion@aguarda.es ou na OMIX. O día 7 de outubro haberá unha xornada de presentación da formación que se desenvolverá durante os meses de outubro e novembro.
Este programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e xestionado pola Cámara de comercio de España xunto coas Cámaras de comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa.



