A Xunta compromete unha achega de 40.000 euros ao Concello para a reforma do pavillón da Sangriña
O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, recibiu esta mañá no pavillón da Sangriña á directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, e ao delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, José Manuel Cores, co fin de darlles a coñecer as necesidades de reforma e mellora máis urxentes nas instalacións deportivas.
No encontro, ao que tamén asistiron concelleiros e un representante da directiva do Club de balonmán Mecalia Atlético Guardés, o rexedor e o delegado do club coincidiron en sinalar a urxencia da reforma das instalacións eléctrica, de fontanería e de protección contra incendios no pavillón, obras cuxo custo ascende a preto de 90.000 euros.
Tras coñecer as necesidades das instalacións que o Atlético guardés utiliza habitualmente nos seus encontros e adestramentos, os representantes da Xunta comprometéronse a asinar co Concello un convenio cunha achega de 40.000 euros, destinada ás mencionadas obras de reforma urxente. Marta Fernández destacou ao respecto o seu compromiso con este proxecto, que contribuirá a “mellorar a imaxe do deporte guardés e galego”.
Antonio Lomba, pola súa parte, quixo agradecer á implicación da Xunta no emprendemento destas melloras, das que resultaran beneficiadas especialmente ás campionas de Liga do Atlético Guardés e que, no momento de encontro, se atopaban realizando os seus adestramentos no pavillón.
Amais do convenio acordado durante esta mañá, a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Deporte xa comprometeu co Concello unha achega de 50.000 euros vía convenio, que será destinada á reforma do vestiario do pavillón.