O alcalde e a concelleira de Servizos Sociais entregan novos xoguetes na Escola Infantil
O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, e a concelleira de Servizos Sociais, Teresa Vicente, visitaron a pasada semana á Escola Infantil Municipal da Guarda para desexar unhas felices festas aos cativos e cativas do centro e as súas docentes, así como para facer entrega do novo material didáctico e de xogo do que os pequenos e pequenas poderán gozar durante as xornadas escolares dende este Nadal.
Os representantes municipais aproveitaron a visita para comprobar o estado das instalacións, unha vez rematadas as melloras das infraestruturas e o equipamento da escola acometidas durante os dous últimos meses. O investimento, por un importe total de 25.383,53€, incluíu o arranxo da cuberta do centro e a mellora das instalacións eléctricas, así como a substitución da caldeira,o revestimento das paredes e o arranxo da varanda do patio.
Amais, adquiríronse novos materiais educativos e de xogo (balancíns, xogos de construción e cociña, quebracabezas, aros e pelotas, triciclos, casas-patio, materiais de plásticas e libros, entre outros), adaptados aos cativos de entre 0 e 3 anos, e procedeuse á instalacións dun toldo para o patio exterior.
A axuda pública para o investimento na mellora das infraestruturas e o equipamento na Escola Infantil do Concello da Guarda foi concedida pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, e cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programada operativo FEDER Galicia 2014-2020.