8M: Preto de 200 veciñas e veciños da Guarda xúntanse para clamar pola igualdade
A concentración feminista de onte deixou unha imaxe sen precedentes na vila, pola cantidade de persoas participantes e a unión en torno á causa feminista.
Preto de dous centenares de persoas de todas as idades encheron onte a Praza do Reló para reivindicar a igualdade real de dereitos, deberes e oportunidades de mulleres e homes, co gaio do Día Internacional das Mulleres que se conmemora cada 8 de marzo.
A concentración comezou pasadas as 12:30 horas coa lectura dun manifesto por parte da Concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Mª Teresa Vicente, no que clamou por unha sociedade «libre de opresións, de explotación e violencias machistas», na que non exista a discriminación laboral por cuestión de xénero nin as mulleres «sexamos xulgadas e podamos exercer a nosa liberdade sexual, reprodutiva e, en xeral, en todas as áreas e facetas da nosa vida». Nesta mesma liña interviron a concelleira de Turismo e deputada provincial, Montserrat Magallanes; a presidenta da Asociación de Mulleres Progresistas da Guarda, Carmen María Castro; e o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba.
Con todo, a intervención máis emotiva foi a do alumnado do IES A Sangriña. Un grupo de preto de 40 alumnas e profesorado do centro guardés achegáronse á Praza do Reló ataviados con camisetas de cor morado e unha pancarta reivindicativa. Alí, leron un manifesto no que destacaron o labor esencial das xeracións máis novas na procura dunha sociedade xusta e libre de violencias machistas. Carla, alumna de 2º de bacharelato no IES A Sangriña, expresouno nestes termos:
«As alumnas e profesoras do IES A Sangriña non podíamos deixar pasar a oportunidade de reivindicar os nosos dereitos dende a posición que nos toca. A loita feminista dende o estudantado é crucial para mudar a sociedade. Na sociedade está a chave para derrubar as barreiras e o queremos facer dende o compañeirismo, a reflexión e a acción.
Queríamos formar parte desta folga porque para todas é un feito histórico. Con isto estamos a demostrar que cando nós deixamos de soster este sistema que nos oprime, o mundo párase.
Queremos unha educación libre de valores heteropatriarcais. Unha educación que nos ensine na diversidade, sen medos nin complexos. Unha educación que non nos reduza a meros obxectos. Unha educación que non relegue a nosa historia ao marxe dos libros de texto. E unha educación que non permita nin unha soa agresión machista nas aulas.
Todo isto, sen esquecernos de que hoxe estamos aquí por todas, polas que estamos e polas que non. Polas que non puideron secundar a folga por medo ás represalias. E polas que foron asasinadas en mans do machismo. Por isto tamén nos manifestamos por todas elas. E elas son a razón que nos fai estar aquí con máis forza.
Porque, como dicía Rosa Luxemburgo, “quen non se move non sente as cadeas” e nós estamos dispostas a romper con elas».
Esta foi, con todo, unha concentración sen precedentes na vila, tanto polo número de persoas participantes como polo compromiso e unión de todas elas en prol da causa feminista.