A Concellería de Cultura da Guarda lanza a campaña “Viveaguarda”
Dada a gran diversidade de eventos e actividades culturais que se levan a cabo na Guarda, dende a Concellería de Cultura estase a realizar unha campaña de achegamento das actividades culturais feitas durante todo ano á poboación.
Ata agora a difusión dos eventos estívose a levar a cabo a través das redes sociais, notas de prensa, Instagram, cartaces e na APP do concello. Pero a concellería de Cultura busca complementar este esforzo e chegar máis preto da xente coa campaña “Viveaguarda”.
Esta campaña trata de que cada veciño ou veciña interesado en recibir información sobre os eventos poda cubrir un formulario e metelo nuns buzóns que estarán á súa disposición no Centro Cultural, na Piscina Municipal e no Concello. Ademais, tamén poderá enviar os datos do formulario a través dun correo electrónico a cultura@aguarda.es.
A partir do momento da chegada dos datos dos usuarios, estarán xa informados polos medios que elixiron cada semana dos actos culturais que haxa na Guarda.
Esta campaña deu inicio este pasado sábado en Noites no Castelo, e xa conta con usuarios inscritos.
Tamén cómpre recordar que se alguén desexa ser informado a través da APP do Concello da Guarda e non é capaz de descargala pode achegarse ó Departamento de Cultura e lles axudarán.