
A Guarda será escenario dunha gran noite de folk galego coa actuación de Luar na Lubre e Balteira
O Concello da Guarda acollerá unha das grandes citas musicais deste verán coa chegada de Orballo Cultural, un ciclo que aposta por achegar a cultura galega a diferentes puntos do territorio e que traerá á vila unha noite dedicada ao folk e ás nosas raíces.
O concerto terá lugar o 24 de xullo ás 22:00 horas no antigo Estadio do Tecla, nunha xornada na que o público poderá desfrutar de forma gratuíta da música de dúas formacións de referencia da escena galega: Balteira e Luar Na Lubre.
A encargada de abrir a noite será Balteira, unha formación que bebe da tradición oral galega para ofrecernos unha visión renovada da música de raíz, cunha proposta chea de forza, identidade e conexión coa cultura popular.
A continuación, subirá ao escenario Luar Na Lubre, unha das bandas máis recoñecidas e queridas da música galega, cunha traxectoria de máis de 30 anos na que levou o son e o espírito de Galicia por escenarios de todo o mundo. O público poderá gozar dun concerto no que a formación repasará parte da súa ampla carreira e do seu legado dentro do folk galego.
A cita forma parte da segunda edición de Orballo Cultural, un ciclo de concertos itinerante que percorre Galicia combinando música en directo con outras expresións da cultura galega como a gastronomía e a artesanía, creando experiencias ligadas ao patrimonio e aos espazos nos que se desenvolven.
Impulsado no marco dos Concertos do Xacobeo, Orballo Cultural conta coa participación de 18 artistas galegos de diferentes estilos e xéneros en 10 localidades galegas.
O Concello da Guarda quere convidar á veciñanza a achegarse a esta cita para desfrutar dunha noite especial na que a música galega, a tradición e a cultura serán as grandes protagonistas.


