A actuación de «Bieito Solo» congregou a máis dun cento de persoas na segunda cita de Música nas Prazas en Camposancos
O pasado venres día 24 de agosto de 2018, a Praza de San Amaro de Camposancos acolleu a segunda cita de Música nas Prazas 2018 coa actuación de «BieitoSolo».
Previa a actuación, a Concelleira de Cultura, Elena Baz, fixo entrega dun agasallo a Nadia Vázquez, gañadora do Primeiro Premio no Concurso Solista de cornamusas (gaitas) en Château d’Ars (Francia), convertendose na segunda galega en obter este recoñecemento e a primeira muller en facelo.
Trala primeira sesión celebrada no mes de xuño na Praza de Salcidos a cargo do grupo Liquen, agora tocoulle a quenda a «BieitoSolo», que acompañado da súa guitarra demostrou aos asistentes o seu bo facer e amplo dominio deste instrumento con versións de coñecidas cancións así coma interpretacións propias, pasando por unha ampla gama de estilos musicais.
O concerto, cunha noite excepcional e acompañada da boa climatoloxía, contou coa asistencia de máis dun cento de persoas, que seguiron de preto os sons gravados en directo co emprego de «loops» onde «BieitoSolo» mistura varias gravacións de instrumentos con interpretacións en vivo, dando lugar a composicións complexas, pero realizadas só por unha persoa.
A programación de Música nas Prazas 2018 finaliza xa no mes de setembro coa actuación de Pepe Vaamonde Trío o día 7 de setembro ás 22:00h na Praza do Reló.
Música nas Prazas chega neste ano 2018 á súa terceira edición, fomentando a música en diferentes espazos públicos do municipio, tentando dar visibilidade e dinamismo a todos eles por igual, levando a cultura musical a todas as parroquias da vila.
Ao longo deste tres anos foron moitas as formacións musicais do panorama local e galego que teñen pasado polas prazas da vila guardesa, entre elas, De Vacas, Sonus de Gaya, Indomables Coverband, Argonat Band, Mbolo Mooye Doolé, Carmen Johns, entre outros.