A Biblioteca Pública Municipal da Guarda acolle o 17 de setembro “Trispilistriñas. Contos para bebés”
O vindeiro sábado día 17 de setembro ás 12:00h a Biblioteca Pública Municipal da Guarda acolle a actividade “Trispilistriñas. Contos para bebés”, actividade de acceso libre ata completar o aforo e enmarcada no programa Ler conta moito.
“Trispilistriñas. Contos para bebés” é unha actividade de narración oral destinada a bebés de entre 0 e 3 anos e acompañantes cunha duración aproximada duns 35 minutos. “Trispilistriñas trispilistriñas o que non come non ten barriguiñas, trispilistrolas trispilistrolas o que non come non ten barrigolas.” Temos unha riqueza espectacular na nosa tradición oral que precisa ser recuperada. Sesión de contos, arrolos, cantos, xogos e ladaíñas para bebés e acompañantes.
Ler conta moito, é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Xunta de Galicia en colaboración coas entidades locais.
A través deste programa, as bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia ofrecen actividades variadas para achegarlle á cidadanía a lectura e a información dunha maneira lúdica e atraente.
Deste xeito a Biblioteca Pública Municipal da Guarda reforza o seu carácter de espazo aberto, ao tempo que alenta a aprendizaxe e a descuberta a través dos recursos que proporciona.