A Guarda prepara xa o seu V Ciclo Medioambiental Sostendo o futuro
O ciclo medioambiental Sostendo o futuro chega á súa quinta edición con cinco actividades repartidas ao longo do ano.
A finalidade é tomar conciencia en torno aos valores de sostibilidade e coidado da nosa contorna, mais este ano obxectivo enfócase na xerarquía de residuos, para o mellor tratamento e redución de residuos.
A xerarquía de residuos supón unha pirámide de pasos para lograr o menor impacto posible no planeta dos nosos residuos: prevención, reutilización, reciclaxe, valorización e eliminación. O tenente alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, Óscar Alonso, anima a participar a todos e todas, pois “o correcto tratamento dos residuos aféctanos a todos, xa que o que queremos é unha vila limpa e sostible”.
A primeira das actividades arranca o sábado 7 de xuño, con motivo da celebración do día do Medio Ambiente o día 5 de xuño. Trátase dun espectáculo de contos medio ambientais para os nenos e nenas da Guarda.
Xa en xullo desfrutaremos dun taller de cociña consciente, onde aprenderemos a aproveitar ao máximo os ingredientes que nos dá a horta, sobre todo, en momentos onde se pode xerar excedente destes produtos naturais.
Co remate do verán, intensifícanse estas actividades. Primeiro, cun taller para aprender a preparar produtos de limpeza reutilizando materiais e produtos que temos na casa, promovendo un menos uso de envases de plástico e de químicos. Despois, centrarémonos na reciclaxe cun obradoiro de papel reciclado e outros de adornos do Nadal reciclados.