«Contos contados» retorna o sábado cunha nova sesión dedicada á diversidade
A Biblioteca Pública Municipal da Guarda retomará o vindeiro sábado 12 de maio a actividade «Contos contados» cunha sesión de animación á lectura infantil centrada na obra «Monstruo rosa».
Nesta ocasión, as cativas e cativos que acudan ao espazo de lectura municipal poderán participar nunha sesión dinámica na que se traballará o entendemento e respecto á diversidade. Así, as pequenas, pequenos e as súas familias mergullaranse nunha actividade participativa a través do conto da autora e ilustradora Olga de Dios, no que se combinan as letras cos pictogramas, os debuxos e a música.
A bibliotecaria Carla Muñoz e a psicóloga infantil Loreto Pertíñez, do espazo de lectura nigranés «Donde viven los cuentos», serán as encargadas de dirixir a sesión, que comezará ás 11:30 horas.