Iníciase a reforma integral do bloque 1 do Sinde para as instalacións das asociacións guardesas
A semana pasada deron comezo as obras para a reforma integral do Bloque 1 do antigo colexio Manuel Rodríguez Sinde. O edificio ten un uso cultural para diversas asociacións guardesas, que agora están trasladadas ao outro bloque de forma temporal.
O edificio, que data do ano 1967, precisaba unha reforma integral polo deterioro e as instalacións antigas. Para levar a cabo esta obra, destinaranse 1.038.000€, dos cales máis de 709.000€ son aportación da Xunta de Galicia, e os 328.000€ restantes proveñen do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
Deste xeito, o Concello da Guarda pretende ter para a primavera de 2025 unhas instalacións renovadas para o uso das asociacións guardesas culturais e de diversa índole.