Máis de 420 xoves judokas competirán este sábado na Guarda
Esta mañá presentouse o II Torneo Internacional Santa Trega, que reunirá a máis de 420 judokas na Guarda este sábado 3 de maio no pavillón municipal da Sangriña.
O presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas salientaba esta alta participación “supón case o dobre da participación que tivemos o ano pasado, pois pasamos dos 220 a máis de 420”.
A directora deportiva na Federación e tamén adestradora do club guardés de judo Baixo Miño, Mónica Pacheco, destacaba que “veñen ata 6 clubs de Portugal, que ao final serán uns 80 judokas portugueses”.
Este torneo reunirá a judokas das categorías inferiores, desde prebenxamín ata cadete, que ofrecerán un día enteiro de judo no pavillón da Sangriña.
O alcalde da Guarda resaltou que “ter o dobre de participantes este ano só certifica o éxito do ano pasado, así que agardamos que a Federación repita na Guarda por máis anos”.
Á presentación tamén acudiron Beatriz Pacheco, do Club de Judo Baixo Miño, e Juan Carlos Garabatos, membro da Federación, para tratar cos concelleiros os últimos detalles e ter todo a punto para unha gran xornada deportiva.
Trátase da segunda edición deste torneo, tras a celebrada no 2024. Polo tanto, pertence ao grupo de novas competicións e eventos deportivos que se celebraron o pasado ano por primeira vez na Guarda, como o Trail Camposancos ó Solpor (xa coas inscricións para a súa segunda edición abertas), o I Torneo Transfronteirizo do Minho de balonmán e o I Torneo Aser Estévez en ciclismo. Desde logo, a nosa vila estase a converter nun referente no deporte galego, en diferentes categorías e disciplinas.