O 15 de febreiro regresa o Museo Arqueolóxico de Santa Trega
A partir do 15 de febreiro volve a abrir o MASAT, Museo Arqueolóxico de Santa Trega, que permitirá aos visitantes comprender a importancia deste xacemento arqueolóxico grazas a exposición de pezas atopadas nas diferentes escavacións.
A longo do ano o horario do MASAT modificarase para atender aos visitantes de martes a domingo. Durante o 2023, unhas 40.000 persoas visitaron o Museo.
A novidade deste ano é o lanzamento do proxecto de visitas virtuais que permitirán coñecer mellor o Monte Santa Trega e outros espazos de interese na vila da Guarda. Esta iniciativa financiouse cunha subvención da Axencia de Turismo de Galicia.
Aqueles que visiten o Monte Santa Trega poden empregar esta ferramenta que permite realizar unha visita 360º do monte e ampliar a información coas audioguías. Ademais tamén está dispoñible a recreación virtual dunha unidade familiar do castro, que transportará ao visitante a finais do século I aC.
Esta nova ferramenta dixital está dispoñible na web turismoaguarda.es ou directamente no QR de enlace do recorrido virtual Castro Santa Trega.