O alumnado dos centros educativos da Guarda participa en obradoiros contra a Violencia de Xénero
A Concellería de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello da Guarda, promoven dende o mes de outubro e ata o próximo mes de decembro o «Proxecto Empatía», cunha serie de obradoiros destinados ao público infantil e xuvenil dentro da campaña do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero.
Este proxecto inclúe obradoiros de habilidades e relacións sociais destinados á aprendizaxe de relacións respectuosas entre o alumnado. Así, por exemplo, as cativas e cativos poderán aprender a amosar os seus sentimentos, a resolver conflitos de forma pacífica e a valorar a igualdade entre mulleres e homes como eixo central do desenvolvemento humano.
Con esta actuación, que conta co financiamento da Deputación de Pontevedra, búscase informar, sensibilizar e concienciar sobre a magnitude do problema que supón a violencia de xénero, especialmente entre a mocidade, identificando a forma específica que adopta esta violencia nas súas relacións interpersoais e promovendo posturas de rexeitamento e denuncia activa ante ela, incidindo especialmente no uso axeitado que debe facerse das novas tecnoloxías.
Tag:A Guarda, CIM, educaicón, muller!, Obradoiros, Violencia de Xénero