O concello da Guarda anima ás familias a matricular aos cativos e cativas na Escola Unitaria da Gándara
O concello da Guarda ven de por en marcha unha campaña para por de manifesto as vantaxes da educación nunha escola unitaria coma a Escola Unitaria da Gándara.
A través dun vídeo, pais, nais e a profesora deste centro explican cales foron os motivos principais que os fixeron decidirse por matricular aos seus fillos e fillas na Escola Unitaria da Gándara e porqué aconsellan a outros pais a que matriculen aos seus fillos de cara ao vindeiro curso lectivo.
Diana, Neli e Isidro, nais e pais de alumnos deste centro educativo, dan constancia neste vídeo que a educación na Escola Unitaria da Gándara é máis especializada, cunha mellor atención por parte dos docentes ao teren unha ratio inferior de alumnos, o que lles permite adicar máis tempo a cada alumno, ademais de que ao teren alumnos de diferentes rango de idades, os máis pequenos aprenden tamén dos máis grandes e os máis grandes axudan aos máis pequenos.
Pola súa banda, Lara, docente neste curso lectivo, valorou tamén no vídeo a proximidade e o trato especializado e individualizado aos alumnos e alumnas, convidando aos pais e nais a matricular aos seus fillos neste centro.
O concello da Guarda recorda que o prazo de matrícula para o vindeiro curso 2021/22 nas escolas infantís comeza a partires do vindeiro día 1 do mes de marzo.