O Concello da Guarda avanza na prolongación da rúa Baixo Muro
O Concello da Guarda avanza na prolongación da rúa do Baixo Muro e a súa conexión coa rúa Ireira. Tras a compra no 2025 da propiedade da rúa Ireira,10, o Concello solicitou este ano á Deputación de Pontevedra unha subvención de 106.000€, a través do Plan +Provincia, para o comezo da execución do proxecto.
Con este proxecto a rúa do Baixo Muro obterá unha mellor accesibilidade, evitando tramos de escaleiras que dificultan ou impiden o paso de persoas con mobilidade reducida, cadeiras de rodas ou carriños infantís. Ademais, tamén facilita o acceso da veciñanza á praza de abastos, eliminando as barreiras arquitectónicas e reducindo os tempos.
O proxecto contempla a demolición da parcela da propiedade, instalando un par de bancos e pequenas árbores para embelecer a rúa e proporcionar unha pequena zona de descanso.



