
O Concello da Guarda insiste no uso responsable da auga tras a declaración do nivel de prealerta por escaseza na conca do Miño-Sil
O Concello da Guarda vén de recibir unha nova comunicación por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, O.A., na que se informa da declaración do escenario de prealerta (nivel amarelo) por escaseza conxuntural en varias zonas da demarcación hidrográfica, entre elas o Miño Baixo.
Segundo os datos achegados pola Confederación, as precipitacións rexistradas durante o mes de xullo continuaron sendo moi reducidas, con apenas 9 litros por metro cadrado. Entre os meses de marzo e xullo acumuláronse 180 litros por metro cadrado, unha cifra que representa aproximadamente un 50 % menos do habitual para este período do ano. Ademais, os caudais circulantes polos ríos situábanse a finais de xullo nun 45 % por debaixo dos valores normais, mentres que as previsións para o mes de agosto apuntan a que esta tendencia de escaseza continuará.
Á vista desta situación, a Oficina Técnica da Seca acordou, na reunión celebrada o pasado 3 de agosto, declarar o escenario de prealerta por escaseza conxuntural nas zonas do Miño Alto, Miño Baixo, Cabe, Sil Inferior e Limia.
Ante este comunicado, o Concello da Guarda fai un novo chamamento á colaboración da veciñanza para realizar un consumo responsable da auga da traída.
Neste sentido, insístese en que a auga da rede municipal debe destinarse unicamente a usos prioritarios, como a hixiene persoal, a preparación de alimentos e outras necesidades básicas e esenciais. Continúa, ademais, prohibido empregar a auga da traída para usos non prioritarios, como o enchido de piscinas, a rega de xardíns e zonas verdes, a limpeza de vehículos, patios ou terrazas ou calquera outro uso prescindible.
O ente municipal agradece o esforzo das veciñas e veciños e apela á responsabilidade colectiva para garantir o abastecemento de auga á poboación. Un uso racional deste recurso resulta fundamental para preservar as reservas dispoñibles e evitar que sexa necesario adoptar medidas máis restritivas nas vindeiras semanas.


