O Contacontos “A Biblioteca que viaxaba no tempo” chega á Guarda o 23 de outubro
• O Sábado 23 de outubro ás 12:00h na Biblioteca Municipal da Guarda, inscrición previa en centrocultural@aguarda.es
A Biblioteca Pública Municipal da Guarda celebra o “Día das Bibliotecas” (24 de outubro) co contacontos para bebés “A Biblioteca que viaxaba no tempo” a cargo de Olga Abad Prieto.
Terá lugar na propia Biblioteca cun aforo limitado a un bebé e un acompañante adulto. Precisa dunha inscrición previa no correo: centrocultural@aguarda.es
“A Biblioteca que viaxaba no tempo” é a historia dunha pequena vila onde hai unha biblioteca e o obradoiro. Un día chega unha empresa construtora que transforma a vila, nunha cidade chea de xente moi triste. A bibliotecaria e a inventora atoparan nos libros máis antigos da biblioteca atoparan as instrucións para facer que a biblioteca viaxe no tempo e tope unha paiasa que traerá a alegría a vila.
Desde 1997, cada 24 de outubro conmemórase o Día da Biblioteca. A proposta xurdiu da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, apoiada polo Ministerio de Cultura, en recordo da destrución da Biblioteca de Saraievo, incendiada o 1992 durante o conflito balcánico.
A edición deste ano, baixo o lema “Bibliotecas: ler, aprender, descubrir” céntrase en destacar o papel das bibliotecas de diferente tipoloxía como espazos libres, diversos e abertos para o acceso á cultura e o coñecemento, a partir da lectura e do conxunto de recursos que permiten a aprendizaxe e posibilitan o descubrimento doutras ideas, outras persoas, outras culturas e outros mundos.
Tag:A Guarda, Biblioteca, cultura