O domingo 8 chega á Guarda o Día da Xuventude
O vindeiro domingo 8 de setembro vaise celebrar na Guarda o Día da Xuventude na Alameda. As actividades están deseñadas para mocidade de entre 12 e 35 anos, aínda que os nenos e nenas menores de 12 anos teñen dispoñible un espazo de construción para pasar un bo rato.
As actividades, nas que se pode participar de forma libre e gratuíta, estarán abertas de 16 a 21 horas. No Día da Xuventude os mozos e mozas poderán facer un xogo de escape e realidade virtual no taller de concienciación ambiental, tiro con arco en lecer educativo, participar nun obradoiro de arte colaborativo a través do graffiti ou asistir a unha demostración culinaria no espazo de gastronomía saudable entre outras actividades.
As persoas que completen os xogos e dinámicas poderán levar un agasallo do Día da Xuventude. A música tamén estará presente, pois haberá unha actuación do grupo local SonGodin’s a partir das 20:30 horas.
Trátase dun evento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia en colaboración co Concello da Guarda que conta co financiamento do Ministerio de Igualdade en desenvolvemento do Plan Corresponsables.