O espectáculo ‘Golpes’ pecha a programación do 25N da Guarda
Este venres 13 de decembro chega á súa fin a programación especial do 25N na Guarda co espectáculo “Golpes”. A obra dará comezo no Centro Cultural ás 20:30 horas da tarde.
A actriz galega Estíbaliz Veiga pon en escena un relato cru e directo polo cotiá das accións de como unha moza vai cedendo nunha relación desigual ata irse atopando fóra da súa personalidade.
Trátase dunha peza dirixida por Xosé Leis que afonda dun xeito directo e fuxindo do tráxico en como nas accións máis cotiás nace o “golpe” da desigualdade e chega á violencia machista.
Conta co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade.