O Pleno da Guarda aproba por unanimidade a proposta en defensa do CM de Carrozaría do IES A Sangriña
Na mañá do venres día 29 de xuño de 2018 realizouse no salón de plenos da Guarda un pleno de carácter extraordinario urxente para tratar a proposta da Comisión de Portavoces do Concello da Guarda en defensa do CM de Carrozaría no IES A Sangriña da Guarda.
Trala votación da ratificación da urxencia desta convocatoria os diferentes representantes dos partidos da corporación fixeron a súa intervención apoiando a continuidade deste ciclo formativo cunha traxectoria de 15 anos no municipio e que conta coas instalacións e profesorado axeitado para que o alumnado poda formarse neste campo profesional, ofertando dende A Guarda un ensino de calidade para todo o ámbito comarcal.
A imposibilidade de matricularse xa neste ciclo formativo para o vindeiro curso académico propiciou a convocatoria deste pleno que finalizou coa votación e aprobación por unanimidade, prosperando dita proposta.