Rematan os traballos de Escavación do Cuncheiro do Monte Trega na Guarda
O Concello da Guarda promoveu, baixo a dirección de Brais X. Currás da Universidade de Coimbra (CEAACP), un Proxecto de Escavación, Análise e Sinalización do Cuncheiro do Monte Trega.
O proxecto de escavación foi executado polos arqueólogos da empresa Terra Arqueos, mentres que para o estudo do material do cuncheiro contarase co grupo de investigación en zooarqueoloxía da Universidade de León con Carlos Fernández Rodríguez á fronte, e máis co Grupo de Investigación en Arqueobiología do CSIC, con Marta Moreno.
Xunto á porta de entrada no castro do Monte Trega desde o sur consérvanse os restos un antigo cuncheiro, un espazo onde os habitantes do poboado botaban os restos da súa produción. Composto fundamentalmente por cunchas, conserva tamén restos de osos e espiñas de peixe, e tamén outras evidencias como restos cerámicos ou metálicos e calquera outro tipo de refugallo. As condicións artificiais que crea o propio cuncheiro, máis favorables que o chan ácido do substrato granítico, permiten que eventualmente se poidan conservar tamén outro tipo de restos como pode ser, por exemplo, a madeira.
O que non é máis que un vertedoiro para as persoas que viviron no Trega, é hoxe para nós un tesouro e unha fonte de información de valor incalculable.
A través do estudo dos cuncheiros podemos saber moito da vida cotiá das xentes que viviron nos castros. Sabemos que tipo de animais criaban, que especies cazaban, e como eran as prácticas de pesca e marisqueo. Deste xeito, podemos chegar a saber os lugares ata onde se desprazaban desde o poboado para captar os seus recursos.
Logo de varias semanas de traballo a equipa de investigadores desprazados ata o Trega remata a escavación, uns traballos que permitiron redescubrir as escavacións realizadas nos anos 30 por Mergelina, e que agora, deixan á vista a muralla e a porta sur do castro.
A análise polo miúdo das especies tamén nos di moito sobre as prácticas de consumo. Podemos chegar a comprender se o gando vacún se empregaba para produción cárnica, como forza de tiro ou para o aproveitamento do leite. O tamaño dos animais nos informa sobre o grado de desenvolvemento gandeiro. Podemos saber cal era a importancia da caza -si é que tiña algunha-, etc.
O estudo da evolución dun cuncheiro no tempo, en suma, pode ser unha mostra representativa do proceso histórico de configuración e evolución das comunidades castrexas desde a Idade do Ferro ata a súa submisión ao poder de Roma e das transformacións que implica para as formas de produción e consumo.
Mediante a sondaxe aberta, conseguiuse documentar o cuncheiro do castro, onde os seus habitantes botaban o lixo, documentando ademais o momento de construcción da súa muralla.
Este proxecto naceu co propósito de crear un recurso concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, e como medio cultural e social. Un proxecto que ofrece resultados e beneficios a diferentes niveis. Por unha banda, xerando novos coñecementos científicos a partir da análise do rexistro arqueolóxico, no marco dun programa de investigacións e actuacións arqueolóxicas.
En segundo lugar, asumindo a necesidade da transferencia científica como un obxectivo prioritario, os resultados a investigación repercutirán na creación de medios para a posta en valor das evidencias arqueolóxicas.
A execución do proxecto permitíu levar a cabo a limpeza da vexetación da porta sur do castro do Monte Trega, a realización dunha sondaxe arqueolóxica, un estudo da arqueofauna, o levantamento fotogramétrico das estruturas escavadas e a instalación de paneis informativos.
Agora ábrese unha segunda fase de investigación no laboratorio, onde os arqueólogos van a estudar os restos recollidos no cuncheiro para ver que tipo de animais e marisco consumían.
Neste proxecto participou un equipo humano composto por 10 persoas entre dirección, equipo técnico, de restauración e de análise da paleofauna, contando cun orzamento que supera os 15.000€, subvencionado polo Concello da Guarda e a través das axudas para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico-cultural da Deputación de Pontevedra.
Tag:A Guarda, cuncheiro, escavación, Patrimonio