ÚLTIMA XORNADA DA “V MOSTRA DE TRADICIÓNS MARIÑEIRAS” NA GUARDA
O “Serán Mariñeiro” reuniu a oito grupos e a decenas de persoas na carpa instalada no Porto
Hoxe, domingo 26 de xullo, celébrase a última xornada de “V Mostra de Tradicións Mariñeiras” organizada pola Asociación de Redeiras “Atalaia” e o Concello da Guarda no Porto do municipio.
Tras unha fin de semana repleta de actividades e con moitos veciños e veciñas, e tamén visitantes, interesados pola mostra, esta festa en honor ás persoas que traballan para ou no mar, despídese ata a próxima edición.
No día de onte, sábado, o evento máis aclamado e con máis público, foi o “Serán Mariñeiro” que xuntou a oito grupos de folclore no escenario da carpa do porto. Un a un, cada un dos conxuntos foron interpretando tres pezas acompañados, sempre, das palmas e incluso das voces do público alí congregado.
O ambiente que se respiraba na carpa era moi festivo o que fixo que a celebración se alongase e que, tras as actuacións dos diferentes grupos, membros de todos os conxuntos se xuntasen para tocar de novo as súas palmas e pandeiretas e entoar as típicas cancións do folclore galego.
Ademais, repartiuse queimada entre todos os presentes.
Pero esta non foi a única actividade que reuniu xente, senón que durante toda a mañá e tamén a tarde, foron moitas as persoas que se acercaron para desfrutar das diferentes exposicións e dos obradoiros, ou para divertirse participando nos diferentes xogos populares.
Ademais moitos foron os visitantes que recorreron os postos do mercado mariñeiro instalado na rúa do Porto e os que probaron diferentes pratos nos restaurantes ou na taberna mariñeira instalada na carpa.
A xornada de hoxe
O concerto do grupo “Pelepau”, conxunto de música que ten como obxectivo adaptar as cancións da tradición galega con voces e percusións para así conservar e transmitir a cultura popular mediante un espectáculo interactivo.
O directo comezará 21 horas no escenario da carpa.
Ademais pola tarde, ás 19 horas, o obradoiro “Ponlle as pilas ó teu bocata” abrirá as súas portas. Esta actividade está dirixida para rapaces entre 4 e 14 anos.
Durante todo o día continuarán abertas todas as exposicións -tanto ás da nave das redeiras coma ás da carpa-, haberá obradoiros de vidro, cerámica ou cestería e tamén xogos populares.