Unha obra de teatro trae á Guarda unha historia de mulleres e emigración galega
O Centro de Información á Muller (CIM) da Guarda trae a obra de teatro “Boa sorte, mala fama” ao Centro Cultural da Guarda.
Trátase dunha obra de teatro documental da compañía Tarabela Creativa feita a base de testemuñas de emigración que recolleu a súa directora Carmen Conde. Esta traxicomedia divídese en tres actos: o primeiro sobre os tratos, o segundo sobre os maltratos, e o terceiro sobre os retratos.
Durante unhas dúas horas a obra fará un percorrido a través de diferentes épocas e persoas que contará a historia máis “incómoda” da nosa emigración. Para iso válese de tres disciplinas: a narración oral (que será o fío condutor), a música ao vivo (que fará que o público se transporte ás realidades e sensacións) e na interpretación actoral (coa que se poñerá corpo ás palabras).
Baixo a dirección de Carmen Conde, Mariña Peña participa na interpretación e Natasia Zürcher encárgase de pór a voz en vivo. Estas tres mulleres representarán o rostro menos institucional da emigración galega.
A obra comezará ás 20:00h o próximo venres 23 de maio no Centro Cultural da Guarda.
O CIM da Guarda continúa con outras accións en marcha dentro do ciclo “Semente de igualdade” como os obradoiros de educación sexual integral “Mergullo para principiantes” dirixidos ao alumnado de 1º da ESO, ou o obradoiro “Quérome, cóidome”, dirixido a mulleres maiores de 55 anos, e que xa encara as súas últimas sesións.