A Festa das Letras celebra na Guarda as letras galegas en honra ás cantareiras
O Concello da Guarda propón nestas Letras Galegas 2025 unha festa en torno á lingua, con diferentes manifestacións culturais dirixidas a diversos públicos.
A Festa das Letras comezará xa o xoves 15 de maio, cun contacontos moi especial para os máis pequenos. “Xuntos ata a Lúa e más alá” transportaranos a historias de traballo en equipo, compañeirismo e escola. Todo o mundo está invitado a esta viaxe ata a Lúa na biblioteca municipal da Guarda ás 18:30h.
A celebración seguirá na tardiña do día 16 de maio cunha homenaxe ás cantareiras, personaxe a quen se lle dedica as Letras Galegas 2025. Laura Guisantes, guardesa integrante de varios grupos folclóricos, explicará a importancia e a historia das pandereteiras e cantareiras, para explicar a homenaxe deste ano ás pandereteiras de Mens. O acto contará coa actuación das pandereteiras de Vento Mareiro e Do Lusco ó Fusco. O evento celebrarase na Casa dos Alonso ás 20:30h.
O sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, a música e o xogo marcarán a xornada para celebrar a lingua galega. Pola mañá, de 11:30 a 13:30h, a praza do Reló converterase nun espazo de xogos de mesa en galego para desfrutar en familia. Ademais, contaremos co acompañamento musical de Pauliña a partir das 12:30h.
Pola tarde, celebrarase unha xincana moi especial titulada “En busca das letras perdidas”, para rematar a xornada coa foliada das Letras Galegas ás 19:00h. Esta foliada contará con grupos de baile e de música tradicional locais, como: A Boalleira, Vento Mareiro, o Grupo de Gaitas de Pensionistas e da 3ª Idade e Do Lusco ó Fusco.
O alcalde da Guarda resaltaba o obxectivo das diferentes actividades, “ao final o que se está a facer é levar a lingua galega a diferentes ámbitos como a música, literatura, xogos…e a todas as idades, desde os máis pequenos da casa ata os máis maiores. Deste xeito perseguimos a finalidade do día das Letras Galegas que é demostrar que a lingua é para todos e para todos os días”.