
A Guarda acolle o peche do XXXI Encontro dos Pobos
O Auditorio de San Benito da Guarda converterase este luns, 27 de xullo, a partir das 20:30 horas, no escenario da última xornada da XXXI edición do Festival Internacional Encontro dos Pobos, unha cita organizada polo grupo folclórico Do Lusco ó Fusco que, desde hai máis de tres décadas, promove o encontro entre culturas a través da música e do baile tradicional.
O festival, que ao longo de catro días percorre os concellos de Tomiño, O Rosal, Oia e A Guarda, mantense como un referente do intercambio cultural e da difusión do folclore, grazas ao compromiso dos integrantes de Do Lusco ó Fusco por preservar as tradicións e fomentar valores como a convivencia, o respecto e a irmandade entre os pobos.
Na xornada de clausura participarán o grupo anfitrión Do Lusco ó Fusco e a formación guardesa Vento Mareiro, que compartirán escenario cos grupos romaneses Doina Ilfovului e Vatra Buftei. Estas agrupacións achegarán ao público unha mostra da riqueza do folclore de Romanía, a través da súa música tradicional, do seu vestiario e de coreografías representativas de distintas rexións do país, con especial protagonismo das zonas do sur romanés.
O festival ofrece así unha oportunidade única para coñecer e desfrutar da diversidade cultural, poñendo en valor o patrimonio inmaterial de Galicia e favorecendo o diálogo entre tradicións de diferentes países.


