A Guarda arrancará o verán co II Trail Camposancos ó solpor
Este verán 2025 arranca na Guarda co II Trail Camposancos ó solpor, o próximo sábado 21 de xuño. O Concello da Guarda colabora na organización desta proba para comezar un verán impulsando o deporte.
Esta proba oficial da Galicia Trail Running Series e da Federación Galega de Atletismo dará a súa saída ao carón do Campo Multiusos Codesal para despois percorrer as impresionantes paisaxes de Camposancos
Hai tres distancias para a proba, con diferentes características. A proba reina é o trail longo, que conta con 900 metros de desnivel ao longo de 19km. Pola súa parte, o trail curto e a andaina farán un percorrido de 8km cun desnivel acumulado de 400m.
Haberá un máximo de participantes nas probas, ata chegar aos 250 en cada unha das carreiras, e aos 150 na andaina. As inscricións para todas as probas estarán abertas ata o día 16 de xuño na páxina web: https://www.carreirasgalegas.com/events/ii-trail-camposancos-solpor-2025/Maj4Xpj4
As carreiras longa e curta terán un prezo de inscrición de 18€ e 10€, respectivamente; mais na última semana de inscrición o prezo subirá aos 20€ e 12€. Pola súa banda, o prezo da andaina manterase sempre igual nos 6€.