
A ópera rock “O Camiño do Amor” xa ten nova data: o espectáculo chegará á Guarda o 13 de setembro
O Camiño do Amor xa ten nova data para a súa chegada á Guarda. O espectáculo, inicialmente previsto para o pasado 23 de agosto e que tivo que ser adiado por mor das condicións meteorolóxicas adversas, celebrarase finalmente este domingo, 13 de setembro, ás 21:00 horas na Alameda da Guarda.
A proposta mantén a súa combinación de música, teatro e cine, construíndo unha historia de amor na que o rock se converte no gran protagonista.
O Camiño do Amor reúne algúns dos grandes clásicos do rock e da música internacional, con temas como Still Loving You, de Scorpions; Hotel California, de Eagles; Your Song, de Elton John; Is This Love, de Whitesnake; Angie, dos Rolling Stones; Dream On, de Aerosmith, ou Stairway to Heaven, de Led Zeppelin, entre outros.
Musicalmente, a ópera rock O Camiño do Amor conta coa participación de Claxxoon, acompañado pola voz de Rosa do Mar e o saxofonista Miguel Ponce. A dirección musical corre a cargo de Diego Grande, mentres que Carlos Alleres participa como produtor e director do musical e Manu Méndez como produtor executivo.
Na parte audiovisual participan coñecidos intérpretes galegos como Tacho González, Víctor Fábregas, María Costas e José Churruca, xunto aos protagonistas Lou7go, María G. Caamaño e Nando Llon, ademais de máis de medio cento de extras.
O espectáculo toma como punto de partida Still Loving You e unha parella que recoñece que a súa relación rematou, pero ambos se preguntan se aínda existe a posibilidade de comezar de novo. Unha historia de amor, segundas oportunidades e emocións que chegará este domingo á Alameda da Guarda.


