Centenares de persoas saen a rúa no Baixo Miño para exixir unha Atención Primaria de calidade
- Tomiño acolleu a segunda manifestación dunha rolda de concentracións que está a percorrer os concellos da comarca
O Baixo Miño volveu saír a rúa en Tomiño para denunciar a grave situación da sanidade da comarca e esixir solucións. Centenares de persoas exixiron unha Atención Primaria de calidade para solucionar a importante carencia de persoal sanitario que case limita a atención ás urxencias, relegando as consultas ordinarias, con esperas moi prolongadas.
Ante esta realidade, as alcaldesas e alcaldes da Mancomunidade convocaron para os meses de xaneiro e febreiro catro concentracións conxuntas coas que “denunciar a situación de precariedade e o continuo desmantelamento da sanidade pública nos nosos municipios e trasladar ao Sergas e á Xunta a necesidade de adoptar medidas de forma urxente”. Ademais inciden en que esta situación xa vén de lonxe, xa que os recortes da Xunta e a falta de persoal xa existían dende antes da pandemia. “A resposta non é restrinxir servizos, senón buscar solucións a curto e medio prazo”.
Así, onte , a praza do Seixo de Tomiño, encheuse de veciños e veciñas reclamando que esta situación que “pon en risco a súa saúde teña unha solución xa”. A seguinte cita será o 9 de febreiro en Tui (ás 19.00 horas na Praza da Inmaculada) e o 23 de febreiro na Guarda (ás 19 h na Praza Avelino Vicente). Con estas concentracións búscase poñer de relevo “unha situación transversal que afecta a toda a veciñanza, que compromete e pon en risco a nosa saúde actual e futura, e que con unidade temos máis forza para reinvindicar”.
A médica do Centro de Saúde de Tui, e antes do Rosal, Laura Silva, natural de Tomiño, resumiu a situación con cifras. “Non hai mais que ver o caso do noso concello. Por ratio de poboación nos corresponderían 10 equipos de atención primaria, é dicir, 10 médicas e 10 enfermeiras. Na actualidade temos unha dotación de 8 médicos e 7 enfermeiras e a día de hoxe só 5 médicas prestan consulta. En resumo: 5 facendo o traballo de 10. Pero esta situación está igual ou peor en todos os concellos da comarca e a resposta do Sergas ante esta precaria situación limitouse a mobilizar o escaso persoal de Tomiño ao centro de saúde do Rosal”.
A Mancomunidade reclama dende hai tempo unha mellora da atención sanitaria que poña fin á degradación progresiva dos centros de saúde, con falta de medios persoais, instalacións deficientes e en progresivo deterioro dende hai anos. Unha situación de precariedade que se viu acentuada coa chegada da pandemia, cunha diminución da atención presencial e medidas tomadas por Sanidade que atentan contra a calidade do servizo. As rexedoras e rexedores da Mancomunidade dan o seu apoio aos profesionais da saúde e continuarán loitando para garantir que estes poidan desenvolver o seu traballo en condicións dignas, asegurando ao mesmo tempo a calidade de atención á veciñanza.