O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, visita o albergue O Peirao na campaña de apoio aos comercios locais de nova apertura ou nova xerencia
O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, continúa coas visitas aos negocios de nova apertura ou nova xerencia do municipio dentro da campaña de dinamización do comercio e da actividade económica local.
Nesta ocasión, visitou o albergue O Peirao, situado na rúa Oliva, 43; nunha típica casa mariñeira construída en 1957, da que se conserva a fachada orixinal. O establecemento estrea nova xerencia e está xestionado actualmente por Fernando Álvarez Troncoso, quen aposta por ofrecer un servizo de calidade aos peregrinos e visitantes que escollen A Guarda como punto de descanso no Camiño.
O albergue conta actualmente con 24 prazas. Inicialmente contaba cunha habitación compartida de oito prazas e, tras a súa última ampliación, incrementou a súa capacidade con 16 novas prazas para dar resposta á crecente demanda. Entre os servizos que ofrece destacan unha cociña totalmente equipada, lavandería autoservizo e un pequeno xardín traseiro pensado para o descanso e a relaxación dos peregrinos.
A decoración interior do albergue constitúe un dos seus elementos diferenciadores. O espazo rende homenaxe á identidade mariñeira da Guarda a través de numerosos detalles inspirados nas tradicións locais. Para a súa creación contaron coa colaboración da Asociación de Redeiras Atalaia da Guarda, que participou na elaboración de distintos elementos decorativos. Ademais, as literas e taquillas están identificadas mediante marcas mariñeiras tradicionais, mentres que os murais artísticos que decoran o establecemento foron realizados pola irmá do xerente.
O Peirao incorpora tamén sistemas automatizados de acceso mediante códigos, combinados cun horario de atención presencial de 14:00 a 20:00 horas. Aínda que a maior parte das estancias se xestionan mediante reserva previa, o albergue procura acoller se aínda ten sitio a aqueles peregrinos que chegan á Guarda.
Segundo explica Fernando Álvarez, “o perfil dos visitantes varía ao longo da tempada. Durante os meses de primavera predominan os peregrinos procedentes de Alemaña, Polonia, República Checa e Italia, mentres que durante o verán aumenta a presenza de visitantes portugueses, estadounidenses e nacionais”.
Durante a visita, Roberto Carrero destacou a importancia de proxectos como O Peirao para fortalecer a oferta turística da Guarda e contribuír á dinamización económica do municipio. O alcalde felicitou a Fernando Álvarez polo traballo desenvolvido e pola súa aposta por un modelo de negocio sostible que pon en valor tanto o patrimonio mariñeiro como a hospitalidade característica da vila.
Dende o Concello da Guarda desexámoslle moito éxito nesta etapa e agradecemos o seu compromiso coa promoción turística e económica do municipio.



