
O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, visitou “Brilé Kids” a nova tenda de moda infantil
O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, visitou a nova tenda de moda infantil Brilé Kids, situada na rúa Pacífico Rodríguez, 11 Baixo 3, dentro da campaña de apoio aos novos establecementos e aqueles que estrean nova xerencia no municipio.
Na visita coñeceu de primeira man o novo establecemento impulsado pola emprendedora guardesa Raquel Lomba Lomba, quen decidiu apostar polo emprendemento coa posta en marcha dun proxecto propio que lle permita conciliar mellor a súa vida laboral e familiar e, ao mesmo tempo, contribuír a ampliar a variedade de propostas de moda infantil dispoñibles no municipio.
Brilé Kids ofrece roupa infantil dende bebés ata a talla 14 anos, cunha ampla variedade de propostas para diferentes estilos e necesidades. A tenda conta con pantalóns, vestidos, saias, camisetas, camisas e diferentes complementos, ademais de prendas de baño para a tempada estival.
O novo local presenta tamén unha proposta especialmente interesante para as familias da Guarda: unha sección dedicada especificamente á roupa e equipamento de baile. Neste espazo, nenos e nenas poden atopar prendas cómodas e especializadas para a práctica desta disciplina, evitando así ter que desprazarse a outros municipios ou cidades para adquirir este tipo de artigos.
Esta aposta cobra especial relevancia nun municipio como o noso no que a danza ten unha importante presenza e conta con numerosos nenos e nenas que practican esta disciplina deportiva. Deste xeito, Brilé Kids incorpora unha oferta especializada que responde a unha necesidade concreta das familias e complementa a actividade comercial local.
Raquel Lomba Lomba explicou durante a visita que “por agora, a acollida do establecemento está a ser positiva” e amosouse satisfeita coa resposta da veciñanza. Ademais, a localización do negocio, situado xusto fronte a un colexio, supón un importante punto a favor para facilitar a visibilidade e o acceso das familias á tenda, especialmente durante a volta ao cole.
Brilé Kids abre as súas portas de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:30 horas e de 16:30 a 20:00 horas, mentres que os sábados atende ao público de 10:00 a 14:00 horas.
O alcalde, Roberto Carrero, destacou a importancia de que novas emprendedoras aposten pola Guarda para desenvolver os seus proxectos. “A apertura de novos establecementos contribúe a dinamizar a actividade económica, ampliar a oferta comercial e fortalecer o noso tecido empresarial e comercial”.
Dende o Concello da Guarda desexámoslle a Raquel moito éxito nesta nova etapa empresarial e confiamos en que Brilé Kids se consolide como un referente para as familias do municipio.


